miércoles, 24 de abril de 2013

COLECCIÓN FAMILIAS LECTORAS

A Colección "Familias Lectoras", é unha publicación dixital multimedia da Junta de Andalucia composta de dez cadernos cuxas autoras e autores -expertos nesta materia- percorren a lectura dende diferentes formatos e diversos puntos de vista.

Así o primeiro caderno pon de manifesto que "o ámbito familiar e social onde crecen os nenos, onde afianzan os seus gustos e pensamentos, incide de modo sobresaínte, tamén no campo da lectura, nos seus logros e nas súas deficiencias,".

No segundo caderno márcanse unhas pautas a propósito da lectura: "o noso obxectivo prioritario debe ser converter o libro nun obxecto cotián co que o neno conviva a diario e que asuma como parte da súa existencia".

No seguinte título indícase que "probablemente quen como pai ou nai quere saber algo máis sobre "Ler na adolescencia" o que espera é un puñado de títulos que poidan estimular, desenvolver a afección dos seus adolescentes á lectura,". Por iso a autora presenta unhas liñas de lecturas que poden ser de grande utilidade á hora de adquirir un libro, sexa no formato que sexa.

A novas alfabetizacións e a súa desmitificación trátanse no caderno cuarto. "Efectivamente hai perigos na rede e non habemos de desdeñalos, pero son tantas as posibilidades que quizais sería mellor internarnos da man dos nosos fillos e eles da nosa nese mundo imaxinario que divirte e ensina". Así, a autora diríxenos a uns enlaces informativos moi interesantes.

Se pasamos ao caderno quinto, entramos na socialización da lectura: "Cando dous ou máis persoas -Club de lectores- comparten e gozan belos textos, créanse vínculos e constrúese sentido".

Non pode faltar a biblioteca escolar -caderno número seis- "que se posiciona hoxe como ámbito de encontro entre a cultura dixital e a cultura imprimida, nun lugar vivo de experiencias lectoras e aprendizaxe".

No caderno número sete destácase que "a literatura infantil e xuvenil, ademais de facernos gozar, de emocionarnos, de conmovernos, de arrancarnos gargalladas, axuda a enfrontarse con situacións novas e favorece a empatía".

Chegamos á comprensión lectora no caderno número oito. Ás "10 escusas para non ler" e ao "decálogo de como odiar ler", respóndese con "agora si, pautas para ler", de extraordinaria axuda.

E os temidos videoxogos! Están tamén presentes nesta colección -número nove- e coméntasenos que "o uso de videoxogos educativos nas aulas, e como reforzo educativo nas casas, permite mellorar a motivación do alumnado e a cantidade de tempo que dedica a aprender"
No último caderno, en relación coas TIC, o autor dinos "temos que acompañar aos nosos fillos e fillas no proceso de inmersión na lectura e nas TIC, que permiten traballar un aspecto da comunicación esquecido frecuentemente: a oralidade".

No hay comentarios:

Publicar un comentario